Aberto o prazo de envío de resumos de proxectos para o IX Congreso XoveTIC

luns, 15 de xuño do 2026 S. P.

Estes días abriu o prazo de envío de resumos de proxectos de investigación (abstracts )para o Congreso XoveTIC, organizado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña en colaboración coa Facultade de Informática da UDC.
Trátase dun encontro científico dirixido a persoal investigador júnior, tanto en etapa predoutoral como posdoutoral, que desexe dar a coñecer as súas investigacións nun ambiente colaborativo e distendido.
O prazo de envío ficará aberto ata o venres 17 de xullo de 2026. Os abstracts deberán ter unha extensión máxima de 800 caracteres e cargarse na páxina web do congreso a través de EasyChair. Logo notificaranse os traballos seleccionados e avaliados polo comité científico e habilitarase o prazo para a subida dos papers, que deberán ter unha extensión de entre catro e oito páxinas, sen contar o índice nin a páxina en branco do modelo.
O congreso ten como principal obxectivo fomentar un espazo de intercambio académico que favoreza a discusión científica, a colaboración e a formación de mozas investigadoras e mozos investigadores no ámbito das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación).
Coa apertura desta convocatoria, a comunidade científica pode xa remitir os seus resumos de contribucións para a súa avaliación en formato de comunicación oral ou póster. Aceptaranse tanto traballos de investigación orixinais como resultados previamente presentados noutros foros, sempre que fosen adaptados ao formato do congreso.
O evento mantén o seu carácter gratuíto e a súa vocación de encontro próximo e colaborativo. Todos os traballos aceptados serán recollidos nun libro de actas, contribuíndo á difusión da investigación presentada durante o congreso.
Toda a información actualizada, incluídas as datas clave do proceso de envío e avaliación, está na páxina oficial do Congreso XoveTIC.