Google presenta a nova pulseira Fitbit Air

xoves, 7 de maio do 2026 Redacción

Google anunciou o lanzamento de Fitbit Air, unha nova pulseira de actividade centrada na simplicidade, a comodidade e o prezo accesible, ao tempo que revelou a evolución de Fitbit Premium cara a Google Health Premium, un servizo que incorpora Google Health Coach, un asistente de saúde personalizado impulsado por Gemini.
A Google Fitbit Air preséntase como o dispositivo wearable máis pequeno desenvolvido ata o momento pola marca. O seu deseño prescinde de pantalla para reducir distraccións e aposta por unha experiencia centrada na monitorización pasiva da saúde e da actividade física.
O dispositivo integra sensores capaces de realizar seguimento continuo da frecuencia cardíaca, detectar posibles episodios de fibrilación auricular, medir saturación de osíxeno no sangue (SpO2), variabilidade da frecuencia cardíaca, fases do sono e outros parámetros biométricos.
Google asegura que a pulseira foi deseñada para levar posta durante todo o día sen molestias, incluído o sono, cunha autonomía de ata unha semana e carga rápida capaz de proporcionar batería para un día completo en cinco minutos. Tamén será posible alternar o seu uso cun Pixel Watch sen perder datos de seguimento.
A monitorización da actividade física combinarase coa aplicación Google Health, que substitúe á antiga aplicación Fitbit. Desde ela poderanse iniciar adestramentos, recibir recomendacións guiadas e rexistrar automaticamente actividades frecuentes grazas a un sistema de detección que aprende dos hábitos do usuario. O sistema tamén permitirá empregar fotografías para interpretar rutinas de ximnasio ou equipos de exercicio.
Google acompañará o lanzamento cunha colección de correas intercambiables de distintos estilos. A Loop Performance será a opción estándar e estará fabricada con materiais reciclados, mentres que tamén haberá variantes deportivas de silicona e modelos orientados a un uso máis estético.
Fitbit Air poderá reservarse desde hoxe por 99,99 euros e chegará ás tendas o 26 de maio. O dispositivo incluirá tres meses de subscrición a Google Health Premium. As correas adicionais partirán de 44,99 euros.

Vídeo promocional da Google Fitbit Air