Belkin comercializa uns agarres para Switch 2 que amplían a súa autonomía

xoves, 4 de xuño do 2026 Marcus Fernández

Belkin vén de incorporar ao seu catálogo un atractivo accesorio para a Nintendo Switch 2 que consiste nuns agarres para engadir aos Joy-Cons combinados cunha batería externa que pode adherirse magneticamente á parte traseira da consola mentres se carga a través de USB-C e que pode separarse rapidamente cando non se está a usar.
Este curioso accesorio para Switch 2 está dispoñible nos EE.UU. en cor negra, lavanda e oliva a un prezo de 99,99 dólares, confiándose en que pronto chegue ao mercado europeo.
Este produto de Belkin permite xogar dun xeito máis cómodo ao achegar á Switch 2 unha suxeición semellante á dun mando de consola, podendo incluso manterse este sistema de agarre ao separar os Joy-Cons da pantalla. A batería externa pola súa banda conta cunha pequena pantalla LED para coñecer o nivel de carga en todo momento, e ten unha capacidade de 10.000 mAh, considerando o fabricante que sería dabondo como para cargar a consola unha vez e media (mitigando un dos grandes problemas das consolas portátiles).

O accesorio de Belkin facilita o agarre da consola e amplía a capacidade da súa batería