O Oura Ring 5 destaca polo seu grosor reducido
venres, 29 de maio do 2026
Oura presentou o novo Oura Ring 5, unha nova xeración do seu anel con sensores que destaca por reducir o tamaño do dispositivo nun 40 % respecto do modelo anterior, converténdose segundo a marca no anel intelixente máis pequeno do mercado. O dispositivo aposta por un deseño máis compacto e lixeiro en titanio, mantendo as funcións avanzadas de monitorización de saúde e actividade que caracterizan á plataforma.
O novo modelo introduce unha arquitectura de sensores redeseñada, con LED máis potentes e doce canles de sinal reforzadas para mellorar a precisión das medicións en distintos tipos de pel e tamaños de dedo. Oura insiste en que a posición no dedo permite obter sinais biométricos máis fiables ca nos dispositivos de pulso, cunha intensidade de pulso óptico ata 100 veces superior.
Oura Ring 5 estará dispoñible en talles do 6 ao 13 e incorpora novos acabados como Deep Rose e unha versión dourada revisada. Tamén mellora a resistencia física grazas a un novo revestimento PVD máis resistente ás rabuñaduras. O dispositivo conta con certificación IP68 e resistencia á auga ata 100 metros.
A renovación do hardware acompáñase dunha ampla actualización de software centrada na saúde preventiva, a actividade física e a integración de datos médicos. Entre as novidades figura Live Activity Tracking, que permite iniciar adestramentos desde a aplicación móbil e consultar en tempo real métricas como ritmo, distancia ou frecuencia cardíaca mediante integración con sensores externos.
Oura tamén amplía as súas funcións de saúde co novo sistema Health Radar, unha evolución de Symptom Radar que pretende detectar patróns biométricos asociados a posibles problemas de saúde antes de que aparezan síntomas máis evidentes. As primeiras capacidades desta plataforma inclúen a análise de sinais relacionados coa presión arterial e a monitorización da respiración nocturna.
A función Blood Pressure Signals busca identificar cambios asociados a tensión cardiovascular mediante o seguimento da presión arterial durante o sono, mentres que Nighttime Breathing ofrece unha visión continuada das alteracións respiratorias nocturnas ao longo de períodos de 30 días.
Outra das novidades é Health Records, unha funcionalidade que integra rexistros clínicos, medicacións, análises e condicións médicas dentro da aplicación de Oura para complementar os datos biométricos recompilados polo anel. Esta función estará inicialmente limitada aos EE.UU.
A plataforma amplía ademais o seu enfoque cara á saúde metabólica coa incorporación de GLP-1 Insights, unha ferramenta orientada a usuarios de medicamentos GLP-1 que permite rexistrar doses, efectos secundarios, peso e biomarcadores xunto aos datos habituais de sono, actividade e estrés.
Entre as novas funcións tamén figura un estudo sobre saúde cerebral desenvolvido en colaboración con Cambridge Cognition, que combinará probas cognitivas dixitais con datos fisiolóxicos recompilados polo anel para analizar a relación entre hábitos diarios e función cognitiva.
Oura introduciu igualmente un novo estoxo portátil de carga compatible co Oura Ring 5. Este accesorio incorpora batería suficiente para aproximadamente un mes de uso e soporte para carga sen fíos.
O dispositivo, que xa pode reservarse, comezará a distribuírse o 4 de xuño. Oura Ring 5 terá un prezo de 429 dólares nas versións Silver e Black, mentres que os acabados premium Gold, Stealth, Brushed Silver e Deep Rose ascenderán a 529 euros. O servizo de subscrición Oura Membership manterá un custo de 5,99 euros mensuais ou 69,99 euros anuais.
As novas funcións de Health Radar, GLP-1 Insights e Health Records estarán inicialmente limitadas a determinados mercados e idiomas, principalmente os EE.UU., India e Emiratos Árabes Unidos, pois dependen da aprobación por parte dos organismos reguladores de cada territorio.
